Vigo recibirá 5,7 millóns do Fondo de Transporte para compensar as perdas da pandemia
Abel Caballero valora positivamente a aprobación do Fondo de Transporte, que permitirá que Vigo reciba 5,7 millóns, o que supón o 40% dos ingresos do ano 2019. O Real Decreto aprobado hoxe mércores prevé compensar con 433,9 millóns as perdas do transporte público durante a pandemia a 273 entidades locais.
“O goberno aprobou algo que viña reclamando desde a presidencia da FEMP e como alcalde de Vigo” dixo esta mañá Abel Caballero ao valorar a aprobación do fondo de 433,9 millóns destinado a compensar as perdas económicas no transporte público en 273 entidades locais motivado pola pandemia. O texto, que se publica hoxe no BOE, dá resposta a unha das demandas formuladas desde a Federación de Municipios e Provincias e supón, en verbas de Caballero que “o Goberno cumpriu coa demanda da FEMP e dos concellos”. Segundo detallou, a Vigo correspóndelle 5.697.000 euros, o que supón o 40% dos ingresos do ano 2019 para cubrir as perdas do transporte público na cidade.
Segundo engadiu en rolda de prensa, esta medida súmase a outras adoptadas en beneficio dos concellos como a suspensión das regras fiscais para o uso de remanentes, que permiten o uso de ducias de millóns en obras que ademais de revolucionar a cidade, xeran miles de postos de traballo. Outro dos asuntos que destacou o rexedor na súa intervención foron as entregas a conta, que supoñen un 3% máis que en 2020.