A Gala do Deporte de Vigo e a súa comarca recoñece “o esforzo e sacrificio” dos deportistas
O alcalde presentou este martes en rolda de prensa a XXII edición do evento que se celebra o vindeiro 16 de xuño en Castrelos organizada polo Concello, Faro de Vigo e Abanca. A gala premiará o mellor deporte feminino e masculino da década a nivel absoluto e o mellor na categoría promesa.
A celebración da XXII Gala do Deporte de Vigo e a súa comarca comeza este martes cun acto de recoñecemento aos deportistas promesas en Castrelos e continúa o vindeiro xoves cunha exposición coas candidaturas na rúa do Príncipe coa que se quere poñer en valor o seu traballo.
Para Abel Caballero, os vinte e dous anos de historia dos premios son “o aval máis importante do evento” que cualifica como o “máis importante de recoñecemento do deporte en toda a área metropolitana”. Anticipou que se trata dun acto de dimensións importantes co premio ao deporte e aos deportistas e o recoñecemento a “todos os que practican deporte, aos seleccionados polo xurado e aos miles e miles de persoas, mulleres e homes que practican deporte, que compiten por competir porque o deporte forma parte da súa vida”.
Acompañado de Pedro Costa, xerente de Faro de Vigo, de Alfonso López, director de zona de Abanca e do concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o rexedor referiuse ás dificultades deste ano, marcado pola pandemia, coas temporadas deportivas con limitacións e sen público. Así, particularmente, a Gala “recoñece o enorme esforzo e sacrificio de ser quen de competir e facer deporte nestas circunstancias tan complicadas”.
Amais, Caballero agradeceu a colaboración do Concello, Abanca e Faro de Vigo, “unha unión indisoluble que marca e dá personalidade singular a esta cidade e ao deporte nesta cidade”.
A XXII Gala do Deporte de Vigo e a súa comarca celébrase o vindeiro 16 de xuño, en Castrelos e entregará catro galardóns: dous na categoría absoluta feminina e masculina e dous na categoría promesa, sub-19.