Vigo reclama á Xunta de Galicia que transfira os fondos Covid aos concellos
A edil de Benestar Social, Yolanda Aguiar, salienta que o goberno municipal destinou máis de 2,1 millóns de euros a axudas de emerxencia durante a pandemia para axudar a 37.700 persoas da cidade.
O Concello reclama á Xunta de Galicia que transfira “inmediatamente” aos concellos as “cantidades inxentes recibidas do Goberno de España para afrontar, entre outras cousas, a política social”, tal e como fixeron outras comunidades autónomas como Castela e León ou Andalucía. Engade a responsable da área de Benestar Social que “os fondos Covid extraordinarios eran para os concellos, para afrontar a crise social e sanitaria derivada da pandemia”, ao seren as entidades locais a administración máis próxima á cidadanía. Demanda tamén que o goberno autonómico “deixe de facer política cos máis vulnerables”.
Tal e como expuxo Yolanda Aguiar, o Concello de Vigo dedica anualmente 4,3 millóns de euros a axudas de emerxencia, dos que máis de 1,8 corresponden a bolsas de comedor; dedica máis de 340.000 euros a comedores sociais, cun incremento este ano do 21% e, durante a pandemia, Vigo dedicou 2,1 millóns de euros ás axudas de emerxencia que beneficiaron a 37.700 persoas en Vigo. Contrapuxo este dato a concelleira coas 33.000 persoas beneficiadas en toda Galicia polas axudas do goberno autonómico; un dato co que, dixo, “queda en ridículo”. En Vigo, hai 9.000 familias que contan coa tarxeta da dignidade para alimentos e apróbanse semanalmente 200 axudas de subministros e alugueiros, uns 30.000 euros semanais, para evitar que as persoas perdan a vivenda e se vexan en situacións de desafiuzamento.