Escoitar

O Concello dedica 350.000 euros á instalación de barreiras protectoras en 50 puntos de vías municipais

A Xunta de Goberno Local aprobou o expediente de contratación da subministración e instalación de sistemas de protección de motoristas en vías municipais co fin de reforzar a súa seguridade. Amais, aprobouse a contratación da cubrición do Tranvía da Praza do Emigrante.

venres, 4 xuñ 2021
Abel Caballero en rolda de prensa
Abel Caballero en rolda de prensa

O alcalde apuntou que este contrato permitirá "eliminar os gardarraís asasinos" que están funcionando na actualidade cun novo sistema que reforza a seguridade para os motoristas. Así, o Concello quere seguir facendo de Vigo "a cidade máis segura para a circulación das motos".

Ábrese agora o procedemento de licitación para selección do contratista para instalar estas barreiras protectoras en 50 puntos da cidade ao longo de 4 quilómetros de estrada, entre elas, Arquitecto Palacios, Avenida da Ponte, Avenida do Tranvía, Cortellas, Saa do Monte, Estrada da Balsa, A Madroa, Fragoselo ou Clara Campoamor.

Abel Caballero apuntou que en Vigo hai nestes momentos 39.000 motos "moi protexidas fiscalmente", xa que as de menos de 125cc está exentas de pagamento de taxas e as de mais cilindrada teñen reducido o importe correspondente á metade, amais teñen facilidades de aparcamento, pasos adiantados en semáforos e carrís exclusivos.

Protección do tranvía histórico

A Xunta de Goberno Local aprobou tamén o expediente de contratación das obras para a execución do proxecto de protección, iluminación ornamental e cubrición do tranvía da Praza do Emigrante, ""un regalo de Vitrasa á cidade", que, segundo explicou o rexedor, deteriorouse desde a súa instalación polo que é preciso cubrilo para protexelo. Farase cunha cuberta de vidro laminado, que estará ancorada e que permitirá "ver e gozar do tranvía, esa xoia da historia da mobilidade en Vigo". Amais, o Concello rematará a zona perimetral do tranvía con chan de granito e zona axardinada.

Aprobación de novas humanizacións

A Xunta de Goberno Local adxudicou a contratación das obras de humanización da estrada Balsa en Matamá, unha superficie de 400 metros de lonxitude na que se construirán beirarrúas e, onde non sexa posible, marcarase con cebreado branco o espazo protexido e de prioridade peonil. O goberno municipal acometerá a canalización de pluviais baixo a beirarrúa, iluminación exterior e separadores de carril onde sexan necesarios. A obra inclúese no convenio asinado coa Deputación de Pontevedra a quen o alcalde agradeceu "a dedicación que ten á cidade de Vigo".

Tamén quedou aprobada a contratación das obras de humanización da rúa Severino Cobas, desde a rúa Bouciña ata a Avenida Ramón Nieto que inclúe a renovación das redes de abastecemento en ámbalas marxes, a instalación de rede separativa de saneamento, a renovación dos colectores de pluviais e fecais e o soterramento de canalizacións de redes de iluminación pública e semáforos. Amais renóvase a xardinería, os farois de iluminación pública, elementos de protección, decorativos e mobiliario, semaforizacion e sinalización.

Por último, recibiu luz verde o expediente de contratación das obras de humanización da rúa Valladolid nunha lonxitude de 150 metros de longo, nas que se renovará pavimento, calzada e beirarrúas, nun ámbito no que se redistribuirá o espazo coa execución dun carril e unha banda de aparcamento en liña de 2 metros de ancho. Amais, o goberno municipal renovará a iluminación con novos farois de baixo consumo, as redes de abastecemento e saneamento, instalará unha nova rede de rego, novo mobiliario urbano e plantará 16 novas árbores.

 

Abel Caballero en rolda de prensa
Infografía da cuberta do tranvía
Descargar todas as imaxes