Vigo amplía o espazo delimitado para favorecer a rexeneración das dunas do Vao
O goberno de Vigo celebrou este venres o Día do Medio Ambiente cunha actividade de educación ambiental no areal. O alcalde achegouse ata o Vao, onde o Concello continúa coa recuperación do sistema dunar, hoxe coa axuda de decenas de escolares de Primaria dos colexios Atalaia e Ría de Vigo.

Co obxectivo de previr e reverter a degradación dos ecosistemas, o Concello de Vigo organizou este venres accións de educación ambiental no Vao coa participación de alumnado de 5º e 6º de Primaria. Simbolicamente, o alcalde e os escolares colocaron un poste de madeira para delimitar o espazo de protección da duna e continuar así coa recuperación do sistema dunar iniciada pola cidade hai máis dunha década.
En rolda de prensa posterior, Abel Caballero explicou que o Concello está a desenvolver un proxecto de conservación e defensa da franxa litoral nos areais do Vao, Fontaíña, Calzoa, Samil e Cabo de Mar, para un total de case que 5.000 metros cadrados de superficie. Trátase de preservar o litoral vinculado a zonas areosas, facéndoo compatible co uso cidadá das praias.
No caso do Vao, o Concello concede máis espazo ás dunas para prolongar a súa rexeneración, xa que “se están amosando moi vigorosas”. O alcalde explicou que, na década dos setenta, perderon o 70% do seu tamaño e agora, logo de máis dunha década de traballo de protección, conseguiuse a súa recuperación ata acadar os sete metros de altura por encima do nivel do mar: “Limitamos a presión humana para permitir o crecemento da duna”. Recordou Caballero que o goberno de encabeza declarou o entorno do Vao como un Espazo Natural de Interese Local (ENIL), o que outorga á zona “un ámbito de protección moi importante”.



