Tanxugueiras e Kiko Veneno súmanse ao TerraCeo o 19 de agosto
A segunda edición do TerraCeo, que xa conta con 45 concertos, vén de incluír no seu cartel a Tanxugueiras e a Kiko Veneno que compartirán escenario o 19 de agosto. Ademais, Rulo y la Contrabanda dará un segundo concerto o 22 de agosto, dado que xa están esgotadas as entradas para o que xa estaba previsto o día 21.
O alcalde avanzou esta mañá que a terraza do Auditorio Mar de Vigo acollerá o 19 de agosto, ás 20,30 h, dúas propostas musicais tan diferentes como a das galegas Tanxugueiras e a de Kiko Veneno, que están preparando para esta ocasión varios temas para interpretalos conxuntamente, un feito inédito, que será un dos grandes momentos deste TerraCeo 2021.
Á programación da segunda edición do festival súmase ademais un novo concerto de Rulo y la Contrabanda. El grupo esgotou entradas para a súa actuación do día 21 e repetirá un día despois. Con estes concertos xa son 45 os postos á venda en www.teuticket.com e a programación seguirá aumentando ata alcanzar o medio centenar.
Tanxugueiras é un dos grupos musicais que máis atención están reclamando no panorama galego actual con máis de cen concertos desde o lanzamento do seu primeiro disco. Pola súa banda, Kiko Veneno agasallou ao público de TerraCeo xa o ano pasado e a súa presenza volveu ser reclamada polo público este ano.
O festival mantén unha excelente acollida de público da súa primeira edición e durante o primeiro mes de concertos -maio - completouse a totalidade do aforo chegando ao 97% e respecto ao mes de xuño, están esgotadas preto do 90% das entradas.