Escoitar

Loito oficial en Vigo por Isaura Abelairas, “gran viguesa, feminista convencida e loitadora infatigable”

O alcalde decretou loito oficial, con bandeiras a media hasta e libro de firmas no Salón de Plenos, polo pasamento de Isaura Abelairas, mestra, deputada autonómica e concelleira durante dezasete anos. Caballero trasladou o seu pésame á familia e amigos e louvou o seu “gran corazón”, a súa vocación social e pola educación pública: “Adicou a súa vida á súa familia e á esta cidade”.

xoves, 3 xuñ 2021
O alcalde, asinando no libro de firmas emprazado no Salón de Plenos do Concello
O alcalde, asinando no libro de firmas emprazado no Salón de Plenos do Concello

Isaura Abelairas naceu en Castelo (Taboada), na provincia de Lugo, en 1951, e chegou a Vigo no 1977 para dar clases no Sello de Cabral primeiro e na unitaria de Tomás Alonso despois. No 1993 incorpórase “ao seu colexio”, en verbas de Caballero, o CEIP Emilia Pardo Bazán, coñecido como “o Chouzo”, do que sería profesora e directora, centro “que quería tanto e do que tanto falaba, no que tomou o pulso da cidade”.

Compaxinou a docencia coa traxectoria política nas filas do Partido Socialista, entrando na Corporación municipal de Vigo por primeira vez no ano 1999 ata o 2003, como concelleira delegada das áreas de Limpeza e de Festas. De cara ás eleccións municipais de 2007, formou parte da lista encabezada por Abel Caballero e volveu ao Concello ao mando do departamento de Servizos Xerais e Vías e Obras. “Con Isaura á fronte, arrancamos a modernización, as humanizacións, o Plan E: arrancamos un desenvolvemento extraordinariamente importante de refacer a cidade”, recordou o alcalde este xoves en rolda de prensa.

No 2011, Abelairas retoma as competencias de Festas e Cultura e asume ademais Políticas de Benestar, área que dous anos despois compatibiliza con Normalización Lingüística e Igualdade. Con ela encabezando o departamento social, e en plena crise económica, o Concello de Vigo abre “o primeiro albergue municipal de Galicia e un dos albergues municipais máis importantes de España”, afirmou Caballero.

No seguinte mandato, no ano 2015, Abelairas centra a súa función municipal no departamento de Benestar Social e asume a área de Igualdade na Deputación de Pontevedra. Logo das eleccións de 2019, continúa como concelleira e responsable provincial de Igualdade ata un ano despois, que deixa as actas para formar parte das listas do PSOE ao Parlamento de Galicia, pasando a ser no verán de 2020 deputada autonómica “para defender Vigo”, valorou Caballero. “Para Isaura, Vigo era central na súa acción persoal e política”, argumentou o alcalde, quen recordou que “no primeiro mandato propúxenlle optar a ser senadora e dixo que non” para continuar na cidade.

Abel Caballerou definiu a Abelairas como unha “gran muller, unha muller excepcional, gran viguesa” que “funcionaba desde o corazón” e “nos impulsaba ao social, á educación”. “Feminista convencida e loitadora infatigable”, Isaura Abelairas era unha “convencida da educación pública”, persoa de “gran corazón” que “adicou a súa vida á súa familia e á súa cidade”.

Descargar todas as imaxes