O alcalde salienta o ascensor Halo como “unha das grandes obras na historia de Vigo”
A Xunta de Goberno Local aprobou a contratación do estudo previo, a redacción do proxecto, a dirección facultativa e a coordinación de seguridade e saúde das obras para a conexión peonil entre García Barbón e Vía Norte que ten un orzamento total de 7,2 millóns de euros.
Abel Caballero explicou que a previsión é que a redacción do proxecto se prolongue cinco meses e a execución da obra estímase en catorce meses polo que “seguimos nos 22 meses de prazo para rematar o gran ascensor, unha das grandes obras na historia de Vigo”.
O ascensor Halo cumpre, ao entender do rexedor, o “papel importante” de conectar a zona baixa da cidade con Vía Norte e a parte alta da cidade ao unir as rúas Serafín Avendaño, García Barbón, Arenal e Rosalía con Vía Norte pasando por enriba da autoestrada.
A contratación do estudo previo, a redacción do proxecto, a dirección facultativa e a coordinación de seguridade e saúde das obras para a conexión peonil entre as rúas García Barbón e Vía Norte foi adxudicada pola Xunta de Goberno a Arenas&Asociados, que foron os gañadores do concurso do ascensor, por 415.000 euros. O orzamento máximo estimado polo Concello de Vigo para a execución das obras é de 7,21 millóns.