O goberno municipal adxudica 89 axudas de emerxencia por importe de 18.000 euros
O alcalde deu conta da aprobación de novas achegas na comisión que vén de celebrarse e que permite realizar entregas “dúas ou tres veces por semana” nunha nova forma “máis áxil” de chegar coa política social ás persoas que o precisan.
O Concello vén de aprobar a concesión de 89 axudas de emerxencia por un importe de 18.000 euros. 51 das axudas corresponden a necesidades de vivenda, 9 para aboar os gastos de aloxamento e 42 para afrontar o pagamento dos alugueiros e, deste xeito, “evitar os desafiuzamentos” e permitir que estas persoas sigan vivindo nas súas casas.
O goberno de Vigo ten entregado xa axudas de emerxencia a case 38.000 persoas con este “novo sistema de aplicar a política social de xeito áxil”, facendo chegar os recursos a quen os precisa en poucos días, logo de cambiar o sistema anterior de convocatoria anual. Agora, o goberno municipal fai entregas “dúas ou tres veces á semana”, apuntou o rexedor.