Escoitar

O Concello inicia a tramitación para construír 27 vivendas entre Tomás Alonso e Covadonga

A Xerencia de Urbanismo aprobou inicialmente o proxecto de urbanización que permitirá construír 27 vivendas entre as rúas Tomás Alonso e Covadonga. Dáse o primeiro paso para desenvolver unha zona de case 2.800 m2 que incluirá un edificio para equipamento cultural e unha praza pública de 1.500 m2.

martes, 8 xuñ 2021

O alcalde deu conta esta mañá da aprobación inicial do proxecto de urbanización dun “ámbito moi importante” situado entre as rúas Tomás Alonso e Covadonga. Cunha superficie case 3.000 m2 en orzamento de case 500.000 euros, a promotora proxecta no polígono VI do PEPRI de Bouzas a construción de cinco bloques (baixo e dous ou tres alturas) e un edificio para uso cultural. Está previsto construír 27 vivendas, das que ao Concello lle corresponden 4, ademais do devandito inmoble para equipamento cultural que reverterá no Concello e que terá unha superficie de 136 m2.

Tamén haberá espazos públicos de uso libre peonil, cunha praza pública interior duns 1.500 m2, con zonas pavimentadas e axardinadas. O proxecto de compensación contempla a posibilidade de ocupar o espazo público peonil no subsolo para un aparcamento público.

Unha vez validado inicialmente, o proxecto será sometido a exposición pública durante un mes para proceder a continuación coa notificación individualizada aos propietarios de parcelas incluídas no polígono e aos sistemas xerais afectados. A partir de ese momento, solicitaranse os informes sectoriais perceptivos.

Iluminación

Outro dos asuntos que recibiu luz verde na reunión semanal de Urbanismo foi a convocatoria de subvencións para a iluminación de edificios catalogados de interese histórico-artístico. Cun orzamento inicial de 20.000 euros -ampliables na medida que así o requira a demanda –, as achegas tramitaranse en réxime de concorrencia competitiva.

Tal e como explicou o rexedor en rolda de prensa, os edificios que entran dentro desta catalogación son os que se atopan no Plan Especial e Catálogo Complementario de Edificios, Conxuntos e Elementos a Conservar, no Plan Especial de Protección de Reforma Interior do Casco Vello ou no Plan Especial de Protección e Reforma Interior del Casco Histórico de Bouzas.

Os beneficiarios deben ter a condición de propietarios do inmoble ou ser unha comunidade de propietarios legalmente constituída.