Escoitar

O alcalde censura que a Xunta cambie a composición do Padroado do Ifevi

Abel Caballero amosou este mércores o seu "desacordo con Feijóo polos ataques á cidade" ao considerar "un roubo a Vigo" o cambio aplicado polo goberno autonómico no Padroado do Instituto Feiral de Vigo que lle outorga a maioría dos votos.

mércores, 9 xuñ 2021

O rexedor apuntou que ata agora o Padroado do Ifevi "xestionábase desde o acordo das institucións representadas. Funcionaba ben, era un bo sistema e nunca houbo problemas de xestión, pero a Xunta cámbiao", lamentou, cando obtiña "resultados positivos e autofinanciábase".

Tal e como expuxo Caballero, ata o cambio aplicado pola Xunta de Galicia coa Lei 4/21 de acompañamento aos Orzamentos, o Padroado do Ifevi estaba presidido pola Xunta e contaba cun representante do Concello, outro da Confederación de Empresarios, da Cámara de Comercio, da Deputación de Pontevedra e da Mancomunidade de Vigo. En cambio, agora terá 15 membros e a Xunta 10, por tanto, "que facemos os restantes; para que imos estar alí se a Xunta manda?".

O alcalde de Vigo salienta a importancia de que a xestión do Ifevi estea en Vigo, na cidade, cos votos das entidades asentadas na cidade: a Cámara de Comercio, o Concello, a Confederación de Empresarios... censurando que agora a xestión se leve desde Santiago: "a Xunta non quería iso, quería o mando total, en lugar de descentralizar, absorbe".