Escoitar

O Concello financia con 24.900 euros o bono-taxi para desprazamentos de persoas con discapacidade

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2021 das subvencións destinadas a proporcionar un medio alternativo de transporte adaptado a persoas afectadas por graves discapacidades na súa mobilidade.

martes, 16 mar 2021

O alcalde deu conta este martes en rolda de prensa do acordo tomado na última sesión da Xunta de Goberno Local polo que se destinan 24.900 euros ao programa de bono-taxi que permite o desprazamento en taxi a aquelas persoas afectadas na súa mobilidade que non poden empregar o transporte público colectivo.

O goberno municipal aprobou tamén o outorgamento das subvencións para o fomento do emprendemento e a consolidación empresarial a través do traballo colaborativo 2020, que cunha contía total de 35.000 euros van destinadas a 41 persoas emprendedoras da cidade.

Amais, quedou aprobada a subvención nominativa mediante un convenio coa Asociación Cineclube Lumiere Vigo para o apoio na organización da programación de cine en versión orixinal do ano 2021, que conta cun importe de 10.000 euros. As proxeccións realízanse tódolos luns, desde o 15 de novembro de 2020 ao 10 de novembro de 2021 ás 20:00 horas do serán no Auditorio Municipal do Concello (agás nos meses de xullo e agosto).

A Xunta de Goberno resolveu así mesmo o contrato de servizos técnicos docentes e o desenvolvemento técnico das actividades físicas do programa de ximnasia para persoas maiores ante a imposibilidade de executarse pola situación de emerxencia sanitaria.