Escoitar

O goberno municipal poboa a Zona Húmida de Barreiro con 21 novas árbores

O alcalde participa este luns na plantación de carballos, bidueiros e pradairos xaponeses nese espazo no que ademais se están realizando labores de limpeza e rexeneración e no que tamén se instalarán arredor de 50 especies perennes e bulbos.

luns, 15 mar 2021

Abel Caballero puxo en valor a Zona Húmida de Barreiro, en Lavadores, onde se están plantando novas árbores para recuperar o espazo que é “pequeno”, algo menos de 3.000 metros cadrados, pero é un “elemento de rexeneración de especies e rexeneracion biolóxica importante”.

O Concello está acometendo tarefas de limpeza e recuperación desta zona húmida amais da plantación de 21 unidades de bidueiros, carballos e pradairos xaponeses e arredor de 50 especies perennes e bulbos que farán un total de 75 novas árbores e plantas.

A esta actuación na Zona Húmida de Barreiro cómpre sumarlle, tal e como apuntou o rexedor, as novas plantacións en Navia “onde creamos o bosque de Nadal” e onde “se recuperan tódalas árbores para este espazo” como, por exemplo, os abetos instalados na rúa do Príncipe que xa gozan duna nova vida en Navia. Hai arestora 72 unidades en Navia e 60 árbores na Avenida de Castelao, polo que o goberno municipal plantou “121 árbores novas nunha semana na cidade”.