Escoitar

O goberno municipal achega 295.000 euros aos centros educativos para acometer obras

A Xunta de Goberno Local aprobou este venres o Programa Autoxestión 2021 que dedica 295.000 euros a 50 colexios da cidade para que acometan obras menores de mantemento e reparación. Tamén deu luz verde ao proxecto de demolición do antigo Camaleón en Samil.

venres, 12 mar 2021

O alcalde informou en rolda de prensa desta decisión poñendo en valor a “unión” entre os centros educativos e o Concello que pon á súa disposición esta contía para que poidan realizar obras cotiás de mantemento, reparación, conservación e que a dirección dos colexios “manexa moi ben”. No Programa Autoxestión 2021 participan 50 colexios vigueses: 6 de Infantil (3-6 anos), 43 de Infantil e Primaria (3-12 anos) e un centro público de educación especial

Amais desta partida, o goberno de Vigo dedica 300.000 euros anuais a realizar obras de maior envergadura para o mantemento e conservación dos edificios; este ano destina 355.000 euros a cubertas de colexios e patios; asume o pagamento de 632.000 euros do subministro eléctrico ou do gas e asume a limpeza dos centros cun importe de 3,35 millóns de euros, dos que medio millón corresponde a tarefas de desinfección Covid que “debe pagar a Xunta de Galicia” segundo sinalou o alcalde.

Así, Caballero cifra en 5 millóns de euros anuais o total dedicado polo Concello ao mantemento, funcionamento e melloras dos colexios da cidade, sen contar o persoal que pon á súa disposición o goberno municipal.

Demolición Camaleón

A Xunta de Goberno aprobou tamén este venres o proxecto de demolición da edificación da Avenida de Samil número 26, a antiga cafetería Camaleón, cun orzamento base de licitación de 139.000 euros. O goberno municipal retirará tódolas estructuras interiores e exteriores da edificación co obxectivo de “transformar a contorna” e de que “este verán haxa unha nova zona verde na praia de Samil”, tal e como explicou o rexedor.

Ademais, quedou aprobada a adxudicación da contratación das obras de "Impermeabilización das cubertas do edificio do centro veciñal e cultural de Valladares, de propiedade municipal, por un importe de 120.000 euros