Escoitar

Gandón presenta o libro "Feminismo e coñecemento"

A concelleira de Muller en funcións, Ana Gandón, presenta o libro "Feminismo e coñecemento" de Carme Adán. O acto será o martes 10 de xuño ás 20:15 na Casa das mulleres, situada na rúa Romil, 20.

luns, 9 xuñ 2003
"Feminismo e coñecemento" (Espiral Maior) é o título do último libro de Carme Adán, resultado dunha investigación desenvolvida para a súa tese de doutoramento. Filósofa e feminista, Carme Adán trata algún dos temas de importancia no pensamento feminista actual como a participación das mulleres na ciencia e na tecnoloxía e a construcción do coñecemento desde unha perspectiva feminista.

Coordinadora da Aula Castelao de Filosofía, Carme Adán dialoga no seu libro coas máis actuais teorías do feminismo e afonda nas súas implicacións prácticas e políticas para as mulleres.

Adán que fai un percorrido polas correntes máis destacadas da epistemoloxía feminista o que lle dá pé a reflexionar sobre o papel do xénero e a experiencia das mulleres no ámbito da ciencia. Desde as propostas empiristas ata o "ciberfeminismo" o libro expón as diferentes visións existentes a respecto da necesidade de participación das mulleres nos temas científicos e tecnolóxicos.

No acto de presentación intervirán a autora da publicación Carme Adán, a concelleira de Muller en funcións Ana Gandón, a doutora en Filosofía Mercedes Oliveira, a catedrática de Ética Cristina Caruncho e o escritor e editor Miguel Anxo Fernán-Vello.