Escoitar

O Consello de accesibilidade asesorará a corporación municipal nos asuntos relacionados cos discapacitados

O regulamento do Consello local de accesibilidade, aprobado en pleno, potenciará a participación das persoas con discapacidade nos organismos públicos.

luns, 9 xuñ 2003
O Consello local de accesiblidade créase desde a vontade do Concello de Vigo de traballar coas persoas con calquera tipo de discapacidade co fin de institucionalizar a súa colaboración e participación nas políticas municipais de atención, inserción social e calidade de vida.

Trátase dun órgano colexiado de carácter consultivo e de participación no ámbito dos servicios sociais, en tódalas cuestións referentes á problemática das persoas con discapacidade e adscrito á concellería competente en materia de asuntos sociais. É evidente que a problemática que atinxe ás persoas con discapacidade é merecedora dun tratamento particularizado e especializado desde os poderes públicos.

O Consello local de accesibilidade ten por obxecto e principais funcións estudiar e emitir informes sobre os aspectos relacionados coa mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade. Emitirá dictames e informes sobre todas aquelas cuestións relacionadas co obxecto do consello que se sometan a súa consideración.

Ademais potenciará a participación das persoas con discapacidade nos organismos públicos dedicados a súa atención e promoverá as accións de información e divulgación sobre a normativa, plans e programas referidos as persoas con discapacidade.

Este organismo quere asesorar a corporación municipal en todos os asuntos relacionados coas persoas con discapacidades, ben por experiencias profesionais, sectoriais, ben por necesidades sentidas e facer cantas propostas considere oportunas en materia relativas aos fins e funcións do consello.

Máis información