Escoitar

O alcalde pide celeridade á Xunta na autorización da reforma do Paseo de Bouzas

Abel Caballero explicou este martes que o Concello enviou hai un mes e medio o proxecto básico para que Patrimonio Histórico dea o visto bo á rexeneración do espazo. Ante a falta desta autorización, a obra está parada.

martes, 1 dec 2020

"Levamos un mes e medio esperando", lamentou o rexedor en rolda de prensa, tras explicar que o Concello remitiu o proxecto de reforma do Paseo de Bouzas á Xunta de Galicia o pasado 19 de outubro, dado que se trata dunha zona de cautela arqueolóxica polo que é precisa a autorización de Patrimonio.

Caballero detallou que "imos facer unha actuación extraordinaria cunha nova forma de acceder á praia e cunha obra que Bouzas precisa e quere tanto" e que, nestes momentos, "ten parada a Xunta de Galicia", a quen lle pediu explicacións por este atraso cualificando de "vergoña" o tratamento da Xunta a Vigo e a Bouzas.

Segundo expuxo, o proxecto de reforma municipal para o Paseo de Bouzas ten un orzamento de licitación de 1.284.118,49 euros cun prazo de execución de 11 meses para unha superficie de 7.800 metros cadrados e 500 metros lonxitudinais desde a Igrexa de Bouzas ata a ponte da VG-20.