Escoitar

O goberno de Vigo súmase á conmemoración do Día mundial da loita contra o Sida

O alcalde e varios concelleiros e concelleiras municipais participaron este martes na Porta do Sol no acto organizado pola Asociación Galega de Afectados por VIH (Agavih), nun ano marcado pola pandemia da Covid-19. Na súa intervención, Caballero recordou aos millóns de infectados e falecidos polo VIH.

martes, 1 dec 2020
Abel Caballero recordou aos infectados e falecidos polo VIH
Abel Caballero recordou aos infectados e falecidos polo VIH

Unha nutrida representación institucional acompañou este martes á Agavih na conmemoración, este primeiro de Decembro, do Día mundial da loita contra o Sida, nun ano definido pola Covid-19 e baixo o lema “Hoxe máis que nunca”. De feito, todos os asistentes ao evento da Porta do Sol portaron unha máscara facial co lazo vermello, como mostra do apoio aos obxectivos rexionais, nacionais e internacionais para frear a pandemia do Sida.

Entre outras autoridades, o alcalde, a primeira tenente de alcalde e presidenta da Deputación e distintos edís da Corporación participaron no acto central na Porta do Sol, coa lectura dun manifesto e proxeccións na pantalla LED do edificio que fai esquina con Doutor Cadaval.

O alcalde, Abel Caballero, pechou o acto deste mediodía recordando aos millóns de persoas infectadas e falecidas por mor do VIH no mundo, nas case que catro décadas desde o descubrimento da enfermidade. O primeiro edil enxalzou o traballo da Asociación Galega de Afectados e ofreceulles toda a colaboración do Concello de Vigo.

A xornada presenta outras actividades coas que visibilizar e conmemorar o Día mundial da loita contra o Sida. Así, a Asociación Pvlse LGTBIQ+ proxecta durante todo o día no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) a acción “Carrying” de Pepe Espaliú (Cortesía da Galería Pepe Cobo) e as tres fotografías gañadoras do certame de fotografía de Cesida (Coordinadora estatal de VIH y Sida). Por outra banda, na pantalla da fonte da rúa Rosalía de Castro emítense imaxes con motivo da conmemoración e, xa pola noite, as fontes de Jenaro de la Fuente iluminaranse de vermello.

Abel Caballero recordou aos infectados e falecidos polo VIH
Descargar todas as imaxes