Escoitar

Os albergues de Vigo non aplicarán a rotación para evitar que os usuarios queden na rúa

Abel Caballero reiterou esta mañá a vontade do goberno local de non aplicar a orde da Xunta que obrigaría a botar á rúa aos usuarios dos albergues que leven pernoctando máis de dez días. Coas instalacións de Marqués de Valterra e da Fundación Santa Cruz ao 100% da súa capacidade, o Concello aloxa a outras 29 persoas sen teito en hoteles ou hostais da cidade.

martes, 1 dec 2020

O alcalde deu conta esta mañá de que os dous albergues que financia o Concello de Vigo -Marqués de Valterra e Fundación Santa Cruz – estiveron a noite pasada ao 100% da súa capacidade polo que se está aloxando a 29 persoas en hoteis e hostais da cidade. Sobre este tema, Caballero reiterou a vontade municipal de non facer rotación nestas instalacións, en contra das indicacións da Xunta, que obrigarían a botar á rúa ás persoas sen teito que levan máis de dez días pernoctando nas mesmas dependencias.

Por outra banda, o rexedor tamén se referiu ao acordo alcanzado coa titular da propiedade na que se asentan as chabolas da VG20 -en Ricardo Mella -para conseguir un aprazamento do lanzamento previsto para o 11 deste mes. Explicou que os propietarios amosáronse “moi receptivos” á hora de permitir que estas familias poidan permanecer un tempo máis para tratar de buscar solucións. A este respecto, insistiu en que ofrecer alternativas habitacionais para estas persoas é responsabilidade do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Na rolda de prensa desta mañá, Caballero tamén deu conta de que un usuario do Centro de Inclusión de Vigo (instalacións de Marqués de Valteterra) atopou traballo nas obras da estación do AVE logo de participar nos itinerarios de formación e nos de busca de emprego que se ofertan como servizos complementarios aos de pernocta.

 


Rematou lembrando que a partida para política social non ten límite orzamentario e avanzou que o servizo vaise reforzar coa contratación de oito novos profesionais, que sairán dunha bolsa de emprego para a que se convocarán as probas de forma inmediata.