Escoitar

O goberno local cita o 11 de decembro aos afectados pola ampliación do IFEVI

Só un día despois de que o Consello da Xunta declarase urxente e de interese público o proxecto, o goberno de Vigo asinou o informe e anuncio da convocatoria para o levantamento das actas previas á ocupación dos terreos. O alcalde contrapuxo a prontitude do Concello co “atraso” de mes e medio da Xunta en aprobalo.

luns, 30 nov 2020

Abel Caballero informou este luns en rolda de prensa da convocatoria para o 11 de decembro aos propietarios afectados pola ampliación, vía expropiación, do recinto feiral de Cotogrande. O anuncio está a ser notificado individualmente aos afectados e será publicado no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.

A citación produciuse este pasado venres, só un día despois de que a Xunta de Galicia no seu Consello do xoves declarase o proxecto como urxente e de excepcional interese público, ao abeiro da lei 3/2016. O alcalde puxo en valor a sinatura do informe e anuncio de convocatoria en só vinte catro horas, cando a Xunta “atrasou mes e medio” o trámite, en referencia a que a administración autonómica contaba desde o 9 de outubro con todos os informes favorables para a ampliación.

Sobre a Xunta de Galicia, Caballero asegurou que “tivemos que obrigalos” a afrontar unha ampliación que “non querían” facer, e argumentou que se conseguiu cando a Zona Franca de Vigo anunciou que faría fronte ao custo da ampliación se era preciso. Por último, o rexedor concluíu que, no proxecto para gañar solo no IFEVI, “nós en dúas horas poñémolo en marcha; a Xunta, mes e medio, a trancas e barrancas, e tivemos que obrigalos”.