Escoitar

O aeroporto de Vigo contará en decembro con mellores conexións con Madrid

O alcalde avanzou esta mañá que Iberia e Air Europa reforzarán as súas conexións con Madrid neste mes de decembro. O aeroporto de Vigo contará con 42 frecuencias semanais de ida e volta, dúas máis que ata o de agora.

venres, 27 nov 2020

O aeroporto de Vigo contará no mes de decembro con 42 frecuencias semanais á capital de España, dúas máis que ata o de agora. Air Europa aumenta as súas conexións ata ás 14, incrementando unha os martes, cando a ata o de agora este día non tiña voo a Madrid. Pola súa banda, Iberia mantén os seus 28 enlaces pero adianta o das 13,40 h ás 9,25 horas tres días á semana (luns, martes e mércores), un cambio que facilita as viaxes de traballo de ida e volta no mesmo día.

Ordenanza ascensores

O Concello continúa coa tramitación da ordenanza municipal para a instalación de ascensores e outros medios mecánicos de accesibilidade e mobilidade en edificios construídos de uso residencial colectivo e dotacional. Recibíronse dúas alegacións no período de exposición pública-do colexio oficial de Consello Galego de Aparelladores e Arquitectos Técnicos e da Asociación Empresarial Galega de Ascensores que se van a aceptar, polo que a ordenanza deberá volver a Pleno para aprobación definitiva.

En verbas do alcalde, esta norma procura solucionar un problema para persoas maiores e/ou dependentes, que quedan incomunicadas na casa ao non dispor de medios mecánicos no seu edificio, cuestión que afecta fundamentalmente a construcións dos anos sesenta, por exemplo no barrio de Coia. A ordenanza regula a instalación de elevadores no interior, amplía as opcións para acometelo e especifica as condicións para facelo no caso dun edificio declarado Ben de Interese Cultural. No caso de que non sexa posible, o texto posibilita os ascensores en fachadas, establece as condicións para facelo, o procedemento para obter a licenza e as condicións mínimas nas que ten que quedar a vía pública afectada.

Abel Caballero valorou a ordenanza como “moi importante”, unha “revolución” que permitirá instalar “ascensores en vivendas antigas da cidade”, o que agradecerá a xente maior, que en ocasións “pasan días e días nas súas casas sen saír por non subir e baixar catro pisos, e se teñen algún problema, algunha lesión ou o que sexa, pois non se moven de casa. Temos a xente encerrada nas súas casas porque non dispoñen de ascensores”, asegurou o alcalde.