O goberno de Vigo adica 300.000 euros anuais ás escolas infantís de Lavadores e Saiáns
O executivo presidido por Abel Caballero adxudicou a xestión de ambos centros ata 2024 por 2,4 millóns, a razón de 300.000 euros por escola e ano. O alcalde recordou que o orzamento do ano próximo reserva dous millóns para as nove municipais, que ofrecerán 700 prazas subvencionadas de media ao 82%.
A última sesión da Xunta de Goberno Local resolveu a adxudicación dos servizos de xestión das escolas infantís de Lavadores e de Saiáns, un contrato por catro anos e 2,4 millóns de euros en total.
Abel Caballero puxo en valor a subvención municipal á educación de cero a tres anos, cun importe de practicamente dous millóns de euros consignado nas contas do ano 2021 para nove escolas infantís, cun prezo máximo que é a metade do que se abona nas de titularidade autonómica e unha subvención media do 82% do custo da praza. Ademais, por razóns de renda, aproximadamente a metade dos usuarios nestes centros municipais non pagan nada.
Vigo ofrece este curso 620 prazas en oito escolas -catro construídas baixo o mandato do actual alcalde- e ás que se engadirán outras oitenta vacantes o ano que vén, co noveno centro de xestión municipal emprazado en Bembrive, actualmente en fase de construción a cargo da Fundación Amancio Ortega.
Deporte
O alcalde deu conta este venres doutros asuntos tratados na Xunta de Goberno Local, como a concesión dunha subvención de 8.000 euros ao Trasnos Béisbol Club como entidade de elite. Caballero explicou que a partida era de 18.000 euros, mais a tempada do club quedou reducida por causa do Covid.
O Concello destina case que millón e medio de euros a entidades deportivas de base e de elite, preto do millón para os clubs de base e cerca de medio millón máis á equipos como o propio Trasnos, o Vigo Voleibol, o Fútbol Valladares, o Balonmán Feminino Lavadores, o Coruxo FC, o Bembrive Fútbol Sala, o Sárdoma Fútbol Feminino, o AMFIV e o Celta Zorka Baloncesto Feminino, entre outros.
Por outro lado, o goberno vigués resolveu a convocatoria de axudas a deportistas individuais de alto nivel da cidade de Vigo, un total de 29 atletas beneficiarios de 13 disciplinas distintas aos que o Concello destina case que 27.000 euros.