Escoitar

O Pleno aprobará este xoves a ordenación do Barrio do Cura

“Mañá acaba o percorrido dun cuarto de século de espera, desde este goberno local estamos cosendo as feridas da cidade, facendo que saia á luz unha nova pel brillante”, sinalou este mércores o alcalde de Vigo tras anunciar que o Pleno Municipal aprobará de forma provisional este xoves a ordenación urbanística do Barrio do Cura.

mércores, 14 out 2020

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este mércores de que o Pleno Municipal do Concello aprobará mañá, de forma provisional e nunha sesión extraordinaria, a modificación urbanística que permite desenrolar o ámbito do Barrio do Cura. Posteriormente, haberá que esperar polo informe vinculante e preceptivo da Xunta e, por último, chegará a aprobación definitiva do Pleno.

“Mañá acaba o percorrido dun cuarto de século de espera, desde este pleno lembraremos aquel momento en que o asilo era abandonado e o conxunto do Barrio de Cura quedaba deshabitado e deteriorado nunha situación insostible”, sinalou Caballero en rolda de prensa. O rexedor engadiu que “estamos a coser todas as feridas da cidade, deste este goberno local estamos facendo que saia unha nova pel brillante, mantendo a tradición e os elementos a conservar”.

A aprobación permitirá rematar partes inacabadas do tecido urbano, resolver a articulación e conexión do Casco Vello con Torrecedeira, mellorar o acceso ás zonas do Paseo de Alfonso e Pi y Margall, e a conexión peonil co Paseo de Alfonso con Santa Marta, Poboadores e Alfonso XII.

Abel Caballero destacou que haberá un novo ascensor na zona do Berbés para facilitar a mobilidade vertical, tamén mellorará a mobilidade rodada coa ampliación do viario de conexión entre Paseo de Alfonso XII, Pi y Margall e Torrecedeira, coa apertura desta última rúa que quedou inacabada; dotará ao Barrio do Cura de zonas verdes, espazos públicos e equipamentos, prazas de aparcamentos, usos terciarios e un 30% de vivenda protexida.