Escoitar

Caballero ofrece á Xunta cooperación para mellorar a contorna da Cidade da Xustiza

O rexedor vén de propoñer ao presidente da Xunta un convenio de colaboración para remodelar as rúas que rodean a Cidade da Xustiza. En rolda de prensa, eloxiou a calidade arquitectónica do proxecto no que considerou fundamental a incorporación das ramplas de Gran Vía para facilitar a súa accesibilidade e reducir o uso de vehículos na zona.

mércores, 14 out 2020

O alcalde de Vigo propón ao presidente da Xunta a sinatura dun convenio de colaboración para a mellora da contorna da nova Cidade da Xustiza dado que o actual proxecto autonómico non contempla a remodelación das catro rúas que circundan o edificio. A proposta de Abel Caballero suporía que ambas administracións asumiran ao 50% o custo da rehabilitación para que toda “a zona estea á altura desta gran obra”. En rolda de prensa, o alcalde felicitou ao arquitecto polo que considerou unha obra “colosal, que me encanta, cun fantástico deseño”.

Non obstante, engadiu que o proxecto global debería incluír as ramplas da Gran Vía para facilitar a mobilidade desde Urzáiz e deste o resto da zona baixa de Vigo, o que evitaría o uso de vehículos e, polo tanto, de aparcamentos. Logo de afearlle ao presidente da Xunta “a descortesía de non invitar ao alcalde á visita que realizou esta mañá ao antigo edificio do Xeral, Caballero reiterou a súa vocación de constante cooperación con este proxecto e reiterou que é imprescindible o remate das ramplas para o futuro bo funcionamento da Cidade da Xustiza.