O alcalde pide á Xunta cobertura legal para tramitar as sancións relacionadas co Covid
Abel Caballero trasládalle a Feijóo a súa vontade de cooperación neste eido para o que é preciso que a Xunta atribúa competencias sancionadoras aos concellos a través dunha norma que o habilite. Amais, insiste na necesidade de recibir información sobre a incidencia do virus en Vigo para poder dirixir a protección cidadá.
“Estou disposto a cooperar e tramitar as sancións pero hai dúbidas xurídicas de que poidamos facelo”, sinalou o rexedor expoñendo as reservas dos servizos municipais desta área, polo que é preciso ter unha “cobertura legal que evite os baleiros e nulidades nos procedementos sancionadores”.
En rolda de prensa, Caballero solicitou á Xunta de Galicia que proceda con urxencia á “atribución de competencias sancionadoras concretas aos concellos a través dunha norma que o habilite” e, ademais, demanda ao goberno autonómico que “dite unha resolución clara e desenvolvida na que se especifique en que supostos e que infraccións correspondería sancionar aos concellos e cales á Xunta de Galicia”.
Para este fin, o rexedor olívico ofrece “toda a cooperación polo importante momento que estamos vivindo”, incluíndo “o persoal e correr cos custos”, toda vez que é necesaria unha norma legal que habilite este procedemento e asumindo que a Vigo lle vai “custar cartos pero é moi importante. As normas deben cumprirse, non son discrecionais, a cidade estase comportando especialmente ben”.
Abel Caballero informou este mércores da celebración dunha nova reunión do comité de seguimiento do Covid-19 onde non se trasladaron incidencias significativas nas últimas horas, polo que agradeceu o comportamento cidadá e pediu novamente “extremar a prudencia, precaución, uso de máscara, hixiene de mans, distancia social e coidado en reunións de familiares e amigos”
O alcalde esixiu á Xunta información sobre a incidencia do Covid-19 en Vigo: “necesitamos cooperación da Xunta e non a temos. Queremos información -sinalou- para poder dirixir a protección da cidade, atender á cidadanía e velar pola saúde e a vida da xente de Vigo. Non sabemos se subimos ou baixamos, en que zonas da cidade, en que franxas de idades...” , lamentando que “por terceiro día consecutivo” o Concello non teña recibido información sobre a evolución da Covid-19.