O MARCO abre unha nova temporada do curso de cine
O alcalde informou este martes da posta en marcha do novo ciclo formativo baixo o título "Eutopías. A procura do bo lugar no cinema", que se desenvolverá en dúas quendas e con aforo limitado para garantir a seguridade sanitaria.
O Concello ten aberto o período de inscrición para participar na nova temporada do curso de cinema do MARCO que se desenvolverá nun período de 12 sesións, distribuíndose o alumnado en dúas quendas para respectar o aforo máximo do salón de actos, que é de 34 persoas.
Tal e como explicou Abel Caballero, a primeira quenda comprende dende o 22 de outubro ao 18 de febreiro e a segunda, desde o 23 de febreiro ata o 18 de maio, cando en anos anteriores o curso desenvolvíase desde outubro ata maio, sen necesidade de incorporar quendas.
Baixo o título "Eutopías. A procura do bo lugar no cinema", o curso inclúe títulos como Tempos Modernos de Charles Chaplin; O Sur de Víctor Erice; Que verde era o meu val de John Ford; Robinson Crusoe de Luis Buñuel ou Hacia rutas salvajes de Sean Penn. Con estes filmes o alumnado abordará algúns dos "bos lugares" do cine: a natureza, a infancia, o futuro, o pasado, a memoria ou o vello novo mundo.
Ademais, o rexedor deu conta do comezo este martes do V Festival de Cine Inclusivo de Vigo coa proxección ás 20:30 horas no Auditorio Municipal do filme "De chaque instant", un exemplo da "mobilización cultural do Concello con aforo limitado, ou sen el se é preciso, empregando tecnoloxías como streaming".