Escoitar

O BOP publica a ordenanza de ascensores en fachadas, que pasa a información pública

Abel Caballero recordou que a normativa entra agora en fase de alegacións durante 30 días hábiles, previo á súa entrada en vigor. O alcalde puxo en valor unha ordenanza que procura garantir a accesibilidade en edificios xa construídos e sen posibilidade de instalar un elevador no interior.

martes, 13 out 2020

En rolda de prensa, o alcalde de Vigo informou da publicación no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra deste martes da aprobación inicial da ordenanza municipal para a instalación de ascensores e outros medios mecánicos de accesibilidades e mobilidade en edificios construídos de uso residencial colectivo e dotacional, trámite que abre un prazo de 30 días hábiles de información pública para alegacións e audiencia aos interesados. Segundo recolle o texto, de non presentarse reclamacións ou suxestións, a aprobación pasará a ser definitiva.

A norma procura solucionar un problema para persoas maiores e/ou dependentes, que quedan incomunicadas na casa ao non dispor de medios mecánicos no seu edificio, cuestión que afecta fundamentalmente a construcións dos anos sesenta, por exemplo no barrio de Coia. Na súa versión inicial, a ordenanza regula a instalación de elevadores no interior, amplía as opcións para acometelo e especifica as condicións para facelo no caso dun edificio declarado Ben de Interese Cultural. No caso de que non sexa posible, o Concello posibilita os ascensores en fachadas, establece as condicións para facelo, o procedemento para obter a licenza e as condicións mínimas nas que ten que quedar a vía pública afectada.

Abel Caballero valorou a ordenanza como “moi importante”, unha “revolución” que permitirá instalar “ascensores en vivendas antigas da cidade”, o que agradecerá a xente maior, que en ocasións “pasan días e días nas súas casas sen saír por non subir e baixar catro pisos, e se teñen algún problema, algunha lesión ou o que sexa, pois non se moven de casa. Temos a xente encerrada nas súas casas porque non dispoñen de ascensores”, asegurou o alcalde.