Escoitar

O Concello pon en marcha un Plan de Humanizacións cun investimento de 18,5 millóns a cargo do superávit de 2019

Abel Caballero avanzou este xoves que o goberno local activará un Plan de Humanización e Ecosustentabilidade para reformar unha trintena de rúas e zonas da cidade cun investimento de uns 18,5 millóns de euros. O Concello levará a cabo estas obras entre os anos 2020 e 2021 grazas ao superávit de 2019.

xoves, 17 set 2020
O alcalde, en rolda de prensa.
O alcalde, en rolda de prensa.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou este xoves en rolda de prensa do novo Plan de Humanización e Ecosustentabilidade que porá en marcha o goberno local de forma inmediata para investir 18,5 millóns de euros entre 2020 e 2021.

Segundo explicou o rexedor, a partida corresponderá ao superávit do ano 2019. “Estamos ante o plan de investimento máis importante que se fixo na cidade de Vigo, máis que o Plan E”, sinalou durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación. Caballero engadiu que esta é “a primeira acción” dun ambicioso plan que nas vindeiras semanas irá dando a coñecer.

Entre as accións de maior custe o alcalde mencionou a Vía Verde (entre Vía Norte e Chapela) por valor de 2,2 millóns, García Barbón (entre Rosalía de Castro e Isaac Peral) por outros 2,2 millóns, a fase 4 de Martínez Garrido (2 millón), Plaza Elíptica (1,8 millóns), Praza da Miñoca (1,5 millóns), a fase 5 de Gregorio Espino (entre rúas Reiseñor e Fernando Lago Olano) por valor de 1,5 millóns e as rúas Julia Minguillón e Vista Alegre por 1 millón.

Dentro do programa Vigo Vertical tamén levarase a cabo a escaleira mecánica da rúa Talude (Colexio Mariano) por 700.000 euros e a rampla mecánica do Centro de Saúde de Teis entre a rúa Ánxela Iglesias Rebollar e a Avenida de Galicia) por 700.000 euros, mentres que se reserva 620.000 euros para a iluminación do Parque de Castrelos.

Outro paquete de actuacións serán para a Avenida Clara Campoamor, no tramo situado fronte ao Hospital Álvaro Cunqueiro, por 463.000 euros; a reforma do Parque Central de Lavadores, danado por un incendio, por 426.000; a rúa Troncoso (362.000 euros), o Plan Eficiencia Enerxética de Iluminación (350.000 euros), a fase 2 de Dona Fermina (336.000 euros), a Estrada do Freixo, en Valadares, por 374.000 euros: a última fase da rúa Aragón (300.000 euros), e Tercio de Afora (274.000 euros).

Ademais, no rural, están incluídas as humanizacións de Camiño da Brea (226.000 euros) e Costa da Gándara (162.000), as dúas en Beade; rúa Subride (153.000), Areeiro (153.000), Bagunda (54.000), Curros (89.000), Fontáns (58.000) e Rosal Florido (61.000), todas en Lavadores; Praza da Feira (151.000) e Penís de Abaixo (78.000), en Cabral; Camiño do Laranxo, en Valadares, (135.000); Roupeiro, en Matamá, (97.000); e rúa dos Foxos (56.000) e Travesía de Guixar (45.000), en Teis.

Descargar todas as imaxes