Escoitar

Vigo celebra o Día Mundial das Praias con accións de voluntariado medioambiental

O alcalde avanzou que mañá venres, 18 de setembro, o goberno municipal realizará unha visita respectuosa á duna de Samil e persoas do programa de voluntariado medioambiental traballarán na eliminación de plantas invasoras nos areais.

xoves, 17 set 2020

Segundo explicou Caballero en rolda de prensa, a cidade conmemora a xornada cun dobre acto: en primeiro lugar, cunha visita respectuosa “sen entrar” nas dunas de Samil “que se están recuperando e tendo un crecemento extraordinario”, grazas ao labor desenvolvido polo Concello. “A nosa acción de protección significa que as dunas se empezan a sentir de novo libres na cidade” , sinalou. A segunda acción da xornada será a participación de 15 persoas voluntarias do programa “Camiño a Camiño” na erradicación da planta invasora uña de gato dos areais.

O rexedor puxo en valor o traballo desenvolvido polo goberno municipal co que se conseguiron este ano 10 bandeiras azuis nas praias de Vigo “a cidade de España con máis bandeiras azuis”.

A ONU celebra cada 18 de setembro o Día Mundial das Praias, unha xornada coa que quere concienciar á cidadanía sobre a importancia do coidado dos areais.