Vigo súmase á Semana Europea da Mobilidade con actividades para fomentar o transporte público
O alcalde avanzou esta mañá unha parte do programa co que Vigo celebrará a Semana Europea da Mobilidade, decretando a gratuidade dalgunhas liñas do transporte público. Esta fin de semana será a quenda do Bus turístico, que será de balde para os usuarios da PassVigo previa reserva de billete online en Woutick.
O Bus turístico será gratuíto a próxima fin de semana para os usuarios da PassVigo - previa reserva de billete online en Woutick -con catro viaxes que serán ás 11,00 e ás 16,30 h, sábado e domingo. Esta é unha das iniciativas municipais para conmemorar a Semana Europea da Mobilidade á que se sumará o luns 21 de setembro, a gratuidade das lanzadeiras ao CUVI, coincidindo co inicio do curso universitario. O martes 22 serán os usuarios das liñas ao hospital Álvaro Cunqueiro os que non teñan que pagar o transporte (H, H1, H2 e H3).