Caballero quere “feitos concretos” respecto das 45 peticións solicitadas a Núñez Feijóo
Abel caballero cualificou como “decepcionante” a resposta do presidente da Xunta á carta na que o alcalde lle trasladaba 45 peticións para esta cidade. O rexedor afeou a Núñez Feijóo, entre outras cuestións, que na misiva inclúa a PLISAN ou a autovía do Morrazo como investimentos en Vigo.
O alcalde deu conta esta mañá da recepción da resposta do presidente da Xunta á carta que el lle enviou o pasado 7 de setembro con 45 demandas para a cidade, asuntos que deberían abordarse neste mandato xa que algúns deles levan dez anos pendentes “sen obter resposta”. Na misiva, dixo, Núñez Feijóo fai votos ao diálogo pero “eu quero diálogo con feitos concretos”. Cualificou a carta de “decepción total e unha burla á cidade” xa que, unha vez máis, o presidente da Xunta limítase á anunciar que enviará as 45 peticións ás consellerías correspondentes, tal e como veu facendo os últimos dez anos, sen que se producira avance algún.
Respecto ás supostas inversións autonómicas que se recollen no texto, Caballero cualificou de “chamativo” que se inclúa a PLISAN -situada a 35 km da cidade; a autovía do Morrazo ou un centro de saúde na rúa Taboada Leal, onde non hai nin proxecto nin espazo para construír un centro de atención primaria. Tamén se referiu á depuradora, na que a Xunta recupera a súa inversión a través do canon da auga ou ao hospital Álvaro Cunqueiro, onde o goberno autonómico nin sequera quere vender o terreo onde o Concello quere construír un segundo aparcamento gratuíto.