Escoitar

Caballero salienta "o gran legado de Colmeiro" na cidade

Ata o 24 de maio, o MARCO acolle a mostra "Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos" unha selección das súas obras procedentes de diferentes coleccións. O alcalde manifestou o seu "orgullo" porque a obra de Colmeiro chegue ao Museo de Arte Contemporánea de Vigo.

venres, 24 xan 2020
1579875335240120ExpoMarco_01.jpg
Durante a inauguración da exposición, na que estivo presente a neta do pintor, Alba Corral, Abel Caballero salientou que Manuel Colmeiro formou parte dunha "grande revolución e tiñamos que ser capaces de incorporar este gran legado na cidade. Queríamos recuperar a presenza activa deste gran mestre".

Así, trasladou o seu "orgullo" porque a obra de Colmeiro ocupe este espazo no MARCO, engadindo que o pintor tamén estaría orgulloso de ver como o antigo cárcere se converteu nun espazo artístico e asumiu, dende o Concello, o labor de "recuperar a Colmeiro no espazo e no tempo".

O rexedor referiuse tamén á nova andaina do MARCO promovida polo goberno municipal, "se cadra con infinitiva máis forza", na que "estamos contribuíndo ao desenvolvemento da arte contemporánea en España e en Galicia e sentímonos orgullosos da cidade e da forma na que asume o papel renovador no ámbito cultural".

"Manuel Colmeiro. Espazos e encadramentos" amosa unha selección de obras procedentes de coleccións privadas e públicas, fondos da familia e do Concello, como promotor da mostra, que se configura a partir dunha coidada investigación e relectura do sentido, obxectivos e incidencia da obra do pintor. Unha visión diferente, máis contemporánea que historicista, e que fai fincapé especial na implicación do artista nos debates arredor da figuración na Europa e América dos anos vinte e trinta, os debuxos de guerra e outros momentos menos coñecidos dos seu traballo. Repasa a súa traxectoria desde os inicios na Arxentina ata o seu regreso definitivo a Galicia con cinco seccións que inciden na súa relación cos espazos artísticos onde desenvolveu a súa obra: BoS Aires, París e Galicia e subliñando a súa contribución decisiva á formación do Movemento Renovador da Arte Galega.

A mostra permanecerá aberta ata o 24 de maio nas salas do primeiro andar do museo.
Descargar todas as imaxes