Escoitar

As pernoctacións na cidade creceron en decembro nun 50% respecto a 2018

O INE confirma o bo avance do turismo na cidade que o pasado decembro rexistrou un 50% máis de pernoctacións que o mesmo mes de 2018. De feito, Vigo volveu recibir unha nova distinción, ao ser elixida por European Best Destinations para converterse nun dos mellores destinos para visitar Europa en 2021.

venres, 24 xan 2020
O alcalde congratulouse esta mañá do aumento nun 50% das pernoctacións no mes de decembro, respecto a 2018, tal e como vén de confirmar o Instituto Nacional de Estatística. Fixo estas declaracións un día despois de viaxar a Fitur para promover o "fenómeno Vigo", cunha presentación moi concorrida o que volve amosar o "poderío" do proxecto turístico da cidade. Durante a súa estancia na feira, o alcalde tamén participou na entrega de Premios de excelencia turística do Goberno de España.

En rolda de prensa, Caballero deu conta da elección de Vigo para converterse nun dos mellores 20 destinos para visitar Europa en 2021, segundo European Best Destinations, unha distinción que se suma a outras recibidas nos últimos meses. O Estudio hábitos e tendencias do turismo 2020, de Atrápalo, asegura que Vigo é un dos destinos preferidos polos españois para 2020; tamén recoñece os atractivos turísticos de Vigo a revista National Geographic, Turismo de España ou o Clúster de Turismo de Galicia. O Ministerio de Industria concedeu á cidade o Premio Nacional de Comercio Exterior e Condé Nast Traveler seleccionou a Vigo como o Mellor Destino Nacional na Gold List 2020.

Aeroporto
O rexedor mantivo reunións en Madrid con a meirande parte das compañías aéreas e todas elas lle confirmaron o seu interese por Vigo. Entra outras cuestións, Caballero avanzou que Air Nostrum operará 7 días con Valencia, e non 6 como acababa de anunciar. Tamén abordou a cuestión do prezo dos billetes a Madrid con Iberia, insistindo na necesidade de ampliar prazas ou frecuencias. Neste sentido, anunciou unha nova reunión con responsables de compañía. Respecto a Binter, aclarou que se reorganizaron as frecuencias con Tenerife porque incorporaron naves de máis capacidade.