Escoitar

Vigo acolle os Premios Imaxe cos mellores profesionais do cabelo e a estética de Galicia

O concelleiro Carlos López Font participou este xoves na presentación da segunda edición desta gala que se celebra este domingo, 26 de xaneiro, no Auditorio Mar de Vigo ás 18:00 horas.

xoves, 23 xan 2020
1579783363imaxe.jpg
A segunda edición dos Premios Imaxe Vigo 2020 premiará o próximo domingo en Vigo aos mellores profesionais do cabelo e a estética de toda Galicia e permitirá descubrir as tendencias do sector.

O concelleiro Carlos López Font felicitou á organización por traer á cidade esta gala con tantos compoñentes interesantes apostando pola cidade tamén nesta segunda edición da gala. Jesús Saiz Vidal, presidente de FEPEGA, a Federación de Empresarios de Salóns de Peiteado e Estética de Galicia, comezou a súa intervención agradecendo ao Concello o compromiso como soporte da celebración do evento que se celebra ás 18:00 horas do domingo no Auditorio Mar de Vigo.

Para Jesús Saiz os premios Imaxe son como "os Goya ou os Mestre Mateo dos salóns de peiteados" e neles participará unha selección de 14 finalistas que amosarán as súas coleccións con trabalols inéditos sobre o escenario. Distínguense as categorías comercial feminina, comercial masculina, peiteador/a revelación, vangarda e bodypaint. O xurado confórmano cinco profesionais recoñecidos do sector que teñen por diante unha tarefa "complicada" ante a calidade dos traballos. Para Saiz a gala promete "arte en sentido amplo" e contará coas esculturas capilares de Carlos Bardullas, a performance de Pablo Méndez Cía, a voz de Antía Caride e o baile do grupo En Danza.
Descargar todas as imaxes