Soraya e Ketama, artistas confirmados para o Entroido vigués

O alcalde desvelou este venres os dous concertos programados para o Entroido deste ano: Soraya Arnelas actuará o venres 21 de febreiro e Ketama, na noite do sábado 22.

venres, 24 xan 2020
1579875680soraya.jpg
Dous días despois de que Abel Caballero confirmase o primeiro concerto de Castrelos deste verán -Sting, o 1 de agosto-, este venres o rexedor informou das dúas actuacións previstas polo Concello para amenizar o Entroido vigués.

Soraya Arnelas actuará o venres 21 de febreiro ás 20:30 horas. Tras quince anos de carreira, a artista vén de finalizar en Miami a gravación do seu último disco, "Luces y sombras", do que xa se coñece o seu primeiro single e que verá a luz ao longo do presente ano. Soraya actuou nas principais salas, clubs e discotecas do país, dando mostras da súa versatilidade con distintos formatos.

Ketama estará en Vigo ao día seguinte, o sábado 22 de febreiro, nunha hora aínda por confirmar. O grupo liderado por Antonio Carmona ten unha longa e recoñecida traxectoria, con múltiples premios e máis dun millón de discos vendidos durante case que catro décadas de vida.

Como en anos anteriores, a previsión municipal é poder ofrecer estes concertos na Porta do Sol, mais o alcalde non desbotou que finalmente sexan nun emprazamento "similar", pois o Concello inicia nestes momentos os traballos para a peonalización da praza, que poderían afectar á celebración destas actuacións.
1579875680soraya.jpg
1579875690KETAMA.jpeg
Descargar todas as imaxes