Escoitar

O Concello contrata o servizo de Coidadores de Barrio para os dous vindeiros anos

A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo aprobou este venres o Programa de Coidadores de Barrio. O alcalde destacou que o servizo de Benestar Social funcionará xa de forma ininterrompida durante todo o ano. Ademais, na mesma sesión da xunta foi ratificada a solicitude de dez bandeiras azuis para as praias e tres para os sendeiros

venres, 24 xan 2020
A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo aprobou este venres o Programa de Coidadores de Barrio do Servizo de Benestar Social e as súas normas de funcionamento. O contrato, segundo indicou o alcalde Abel Caballero en rolda de prensa, ten unha duración de dous anos, máis a posibilidade de prórroga por un ano máis, e un custe anual de 540.000 euros, financiados integramente polo Concello de Vigo.

"Aprobamos de tal maneira que o servizo xa se poderá prestar durante todo o ano, activo durante os doces meses", sinalou o rexedor aos medios de comunicación antes de sinalar que funcionará no Casco Vello, Calvario, Travesas, Bouzas e Teis.

Ademais, a Xunta de Goberno tamén aprobou a solicitude de bandeiras azuis, de forma que este ano haberá de novo peticións para dez praias e tres sendeiros. O alcalde explicou que nesta ocasión non haberá solicitude para Figueiras, nas Cíes, e a cambio entrará la listaxe a de Carril, en Alcabre, por ser "un areal urbano de maior afluencia".