Escoitar

Vigo acolle o Festival de Cine de montaña e aventura Banff

Organizado polo club Peña Trevinca, coa colaboración do Concello e da Universidade de Vigo, celebrarase o 4 de maio coa proxección de nove curtas no Auditorio do Teatro Afundación.

mércores, 10 abr 2019
1554900435cine.jpg
Comezou hai máis de 40 anos no Banff Centre de Alberta, Canadá, e a día de hoxe celébrase en máis de 50 países. O Festival de Cine de Montaña e Aventura de Banff, un dos máis importantes do mundo, chegará o vindeiro 4 de maio a Vigo.

O Club Peña Trevinca, co gallo da celebración este ano do seu 75 aniversario, apostou por traer a Vigo este certame audiovisual, no que a gran protagonista é a natureza e as actividades deportivas, pero tamén culturais, que se fan nela.

O festival foille presentado hoxe ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, nun acto no que tamén participou o concelleiro de Deportes do Concello de Vigo, Manel Fernández, e a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo, Mónica Valderrama, ademais do presidente do Club Peña Trevinca, Carlos Garrido, e o vicepresidente, Xosé Lois Faro. O Concello e a Universidade de Vigo participan, xunto a outras entidades e firmas comerciais, na organización do Festival Banff en Vigo, que ofrece nove curtas o vindeiro 4 de maio no Auditorio Afundación con entradas a catro euros.
Descargar todas as imaxes