Escoitar

O investimento do Concello de Vigo acadou no 2018 os 48 millóns de euros

O informe da Federación Galega da Construción arroxa uns "datos espectaculares en favor de Vigo", indicou este luns o alcalde. O Concello suma 48 millóns, polos catro de Lugo, os cinco de Ferrol e Ourense, os sete de Santiago e os oito da Coruña.

luns, 25 mar 2019
Abel Caballero contrapuxo o investimento vigués no pasado ano, de 48 millóns de euros, ao do resto das principais cidades galegas, un balance que ofrece uns "datos espectaculares en favor de Vigo".

A Federación Galega da Construción indica que o importe do 2018 do Concello de Vigo ascendeu aos 48 millóns de euros, mentres que -citou- Lugo queda en catro millóns, Ferrol en cinco millóns, Ourense algo máis de 5,6 millóns, Santiago supera os sete millóns e A Coruña, os oito millóns.

No tocante á Xunta de Galicia, a administración autonómica suma 60 millóns de euros para toda a provincia de Pontevedra, mentres que Vigo totaliza 48 millóns só en Vigo. E "a Xunta ten unhas inxentes competencias e terían que ter multiplicado por cinco o investimento de Vigo", anotou o alcalde, que trasladou a súa "satisfacción" polos datos de 2018 e avanzou que "non será nada comparado co que vai pasar no ano 2019, no que os investimentos en Vigo van saírse do mapa".