Escoitar

O prazo para solicitar praza en calquera das 8 escolas infantís municipais comeza o 11 de marzo

O prazo para solicitar algunha das 620 prazas en calquera das oito escolas infantís municipais estenderase entre o 11 e o 27 de marzo. Unha vez máis, os requisitos son ter residencia en Vigo e que o neno o nena teña unha idade mínima de tres meses. O Concello adica case 1,5 millóns ao financiamento destes centros educativos.

mércores, 6 mar 2019
A Xunta de Goberno dará luz verde mañá xoves ás normas de adxudicación e matrícula nas escolas infantís municipais para o curso 2019-2020, que ofertarán 620 prazas en oito centros educativos (Costeira-Saiáns, 72 prazas; Bouzas, 80; Tomás Alonso, 78; Santa Marta, 72; Atalaia-Teis, 82; Santa Cristina, 76; Mestres Goldar, 78 e Navia, que conta con 82).

Os requisitos de acceso, segundo avanzou o rexedor en rolda de prensa, é ter residencia en Vigo e que o neno/nena teña unha idade mínima de tres meses. Este ano, como novidade, pódese presentar a solicitude sempre que a data probable de parto non sobrepase o 5 de xuño. Como é habitual, terán preferencia na reserva os nenos que xa estean matriculados, así como para os que teñan irmán no centro. Hai tres opcións de horario: mañá (07,30 -15,45 h), tarde (16,00 a 20,00 h) e continuo, no caso de Costeira Saiáns (de 9,00 h a 17,00 h ou de 10,00 h a 18,00 h).

Estarán exentas de matrícula e mensualidade as familias con renda per cápita mensual de ata 327,83 euros, unha cifra que se eleva a 512 euros, no caso de familias numerosas. Respecto dos prezos, Caballero precisou que o Concello subvenciona unha parte moi importante do custo das escolas, ás que adica un orzamento anual de case 1,5 millóns.

A solicitude de praza realizarase a través do formulario disponible na páxina www.escolasvigo.org/reim e a presentación poderá ser presencialmente no Rexistro xeral ou telematicamente se se dispón de sinatura dixital. O período para solicitar novas praza e renovar as matrículas será do 11 ao 27 de marzo, as listas provisionais estarán dispoñibles o 13 de maio nos tablóns das escolas infantís e na web. As listaxes definitivas se publicarán o 7 de xuño e o prazo de matrícula se estenderá desde o 10 ata o 21 de xuño.

Parque Jenaro de la Fuente
O goberno local tamén aprobará mañá a clasificación de ofertas para a contratación das obras de ampliación e reestruturación do parque infantil de Jenaro de la Fuente. Cun importe de 500.000 euros, o proxecto prevé a remodelación da praza o que permitirá duplicar a área de xogo. Esta actuación vense sumar ao parque de Maruja Mallo, que tamén está en fase de adxudicación cun orzamento de 400.000 euros.

Teleasistencia
Outro dos asuntos que se validarán mañá é a proposta de adxudicación da contratación do servizo de teleasistencia domiciliaria á empresa Quivitae Servizos Asistenciais S.A. Cun importe de 280.000 euros por catro anos, se ofrece un botón de emerxencia que permite apoio en domicilio 24 horas, 365 días a persoas que o precisan polas súas circunstancias sociais ou sanitarias. Tal e como explicou o rexedor, o ano pasado o Concello prestou servizo a 600 usuarias, das que 450 son mulleres maiores de 80 anos que viven soas.