Escoitar

O Concello querélase contra os propietarios dun edificio por negarse a reparalo

O Concello de Vigo vai presentar unha querela contra os propietarios do inmoble sito na rúa López de Neira número 6, pola presunta comisión dun delicto de desobediencia á autoridade. Estes propietarios ignoraron de forma reiterada as ordes de proceder á execución de obras para restablecer a habitabilidade e conservación do edificio.

xoves, 3 abr 2003
Os donos do inmoble sinalado co número 6 da rúa López de Neira veñen desobedecendo as ordes do Concello dende 1996. Dende aquel ano, a administración municipal requiriulles ata en catro ocasións para que realizaran as obras precisas para evitar desprendementos da fachada e garantir unhas condicións de habitabilidade aceptables para os inquilinos. Ademais dos requirimentos, o Concello impúxolles diversas multas coercitivas.

O inmoble sofre un deterioro progresivo que provocou recentemente o desprendemento de materiais da fachada como lousas e anacos de pedra e ladrillo. Esta situación obrigou incluso a paralizar as obras de humanización que se estaban a realizar na rúa López de Neira. Ante a negativa dos propietarios a atender os requirimentos legais, o Concello decidiu executar as necesarias obras de seguridade de forma subsidiaria e presentar unha querela contra os propietarios deo edificio de conformidade co disposto na Lei de enxuizamento criminal.