Escoitar

Vigo celebra o Primeiro Congreso Internacional de Musicoloxía

O concelleiro de Cultura, Carlos Príncipe, presentou o Primeiro Congreso Internacional de Musicoloxía que se celebrará na Fundación Mayeusis os días 4 e 5 de abril e que leva por título "A ópera en Vigo". O congreso organizado polo Instituto de Estudios Vigueses, en sesións abertas, está enmarcado no proxecto da Unión Europea "European Musical Heritage and Migration" que desenvolve o Instituto da Música Latinoamericana e que está coordinado en España por Enrique Sacau.

xoves, 3 abr 2003
A temática do congreso xirará sobre a ópera de finais do século XIX, a música española no entorno do 98, a ópera italiana en España e a arquitectura teatral en Galicia durante a "Belle Époque. As xornadas desenvolveranse en seis conferencias e dúas mesas redondas.

As persoas que participarán no congreso son Annibale Cetrangolo, da Universidade de Venecia; Laura Triay, da Universidade de Barcelona; Rainer Kleinertz, profesor da Universidade alemana de Regensburg; Teresa Cascudo, crítica musical e profesora da Facultade de Ciencias de Historia de Música da Universidade da Rioja; Xoán M.Carreira, editor do diario dixital mundoclasico.com; Enrique Sacau do Instituto da Música Latinoamericana; Pablo Durán e Jesús Ángel Sánchez da Universidade de Santiago de Compostela.

Carlos Príncipe salientou que dende a súa concellería se potencian actividades culturais da cidade, polo que vén desenvolvendo programas que contribúen á análise do fenómeno cultural, nas súas máis diversas manifestacións como son o patrocinio destas xornadas que pretenden difundir os valores da música. Salientou que o Instituto de Estudios Vigueses reflexiona sobre o pasado, o presente e o futuro da cidade defendendo as señas de identidade de Vigo.