Escoitar

O Concello incrementa a dotación das axudas para libros e comedor

Principia o prazo para acollerse ás subvencións destinadas ás familias con menos recursos para a compra de libros e comedor no vindeiro curso. O importe total destinado a este programa é de 395.410 euros.

mércores, 2 abr 2003
1049287203comedor1.jpg
Comedor escolar
A concelleira Belén Sío presentou o programa de axudas municipais escolares para o curso 2003-2004 destinadas a garantir a igualdade de oportunidades para os nenos con menos recursos.

Nos últimos anos incrementouse de forma progresiva a partida municipal destinada ás bolsas de comedor. No ano 1999 a cantidade destinada foi de 24 millóns de pesetas para as bolsas de comedor e no 2003 outorgaranse 210.843 euros, o equivalente a 35 millóns de pesetas. Ademais, no curso 2001-2002 subiu o importe máximo da axuda concedida.

Poden solicitar unha axuda escolar as familias que teñan ingresos inferiores a 150 euros por persoa. Para facer este cálculo contaranse pais e fillos que convivan na mesma vivenda. A axuda servirá para os nenos que estean matriculados en centros públicos ou con concerto xeral.

Poderán percibir estas axudas os nenos empadroados en Vigo que estean matriculados en educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria e que os ingresos da familia non superen a contía determinada.

Os beneficiarios recibirán para a adquisición de libros 61 euros para educación infantil (3, 4 e 5 anos), 85 euros para primaria (6 a 11 anos) e 109 euros para secundaria (12 a 16 anos). As axudas de comedor son dun máximo de 39 euros mensuais.

Para a baremación destas axudas terase en conta a situación económica, laboral e da vivenda, tendo preferencia as familias en situación de precariedade. Nesta edición subiuse o tope de renda para ampliar o número de persoas que poidan acollerse a esta subvención.

O pasado ano concedéronse 1.829 bolsas de libros por un importe de 162.257 euros e 703 de comedor por 24.708 euros.

As solicitudes deberán presentarse dende o 3 ao 11 de abril (ámbolos dous inclusive) de luns a venres de 9:00 ás 13:00 horas nas seguintes UBAS (unidades básicas de acción social):

-Casco Vello: Praza da Princesa, 7
-Central: Praza do Rei, s/n
-Coia: Salvaterra, 9-Baixo
-Lavadores: Martínez Garrido, 21-Interior
-Rivera Atienza: Martínez Garrido, 21-Interior
-Teis: Sanjurjo Badía, 240
Descargar todas as imaxes