Escoitar

Conferencia sobre o esquí de montaña do ciclo audiovisual "Natureza sen límite"

"Descubrindo o esquí de montaña" é o título da conferencia do ciclo "Natureza sen límite" organizado polo Club Montañeiros Celtas coa colaboración da concellería de Deportes que se celebrará o 2 de abril no paraninfo da Escola Universitaria de Enxeñeiros Técnicos Industrias (Peritos), a partir das 20:00 horas.

martes, 1 abr 2003
A conferencia estará a cargo de Javier Moscoso Baliñas, técnico de primeiro nivel da Escola Española de Esquí, monitor da Escola Española de Alta Montaña de Benasque e membro da Escola Galega da Alta Montaña. É afeccionado ás actividades ó aire libre, sendo o esquí unha das súas maiores paixóns, polo que ten realizado travesías en Galicia, Pirineos e Alpes.

Javier Moscoso falará das sensacións que produce a práctica do esquí de montaña, unha modalidade na que os seus practicantes deslínzanse ascendendo e descendendo polas nevadas ladeiras montañosas, en contacto coa natureza, nunha combinación de esforzo e goce nos desprazamentos sobre a neve. Os afeccionados, con bos equipos e técnica, fan que esta actividade, esixente e comprometida, sexa segura e permita gozar do medio natural no que se desenvolve.

Durante a conferencias presentarase un audiovisual de divulgación do esquí de montaña con imaxes da práctica deste deporte en Galicia.