Escoitar

A Corporación pide á Xunta a retirada do proxecto de Lei de Ordenación Sanitaria de Galicia

A Corporación municipal aprobou unha moción presentada polo Grupo municipal Socialista na que se pide a retirada do proxecto de Lei de Ordenación Sanitaria de Galicia por considerala un atentado contra o sistema sanitario deste país.

luns, 31 mar 2003
A moción aproba que o Concello de Vigo inste á Xunta de Galicia a que retire do Parlamento o Proxecto de Lei de Ordenación Sanitaria de Galicia, e abra un proceso de diálogo con tódalas entidades con presencia e representatividade no sector sanitario, así como coa oposición política, na busca do maior consenso posible no contido final dunha norma de enorme transcendencia para os cidadáns galegos.

Belén Sío Lourido, voceira do Grupo Municipal Socialista defendeu a moción coa seguinte exposición de motivos.

A Consellería de Sanidade quere aprobar no Parlamento Galego unha Lei de Ordenación Sanitaria de Galicia (LOSGA) que representa un atentado contra o sistema sanitario deste país, xa que

1- Este proxecto crea a chamada "Rede Galega de Atención Sanitaria de Utilización Pública", que integra centros públicos e privados en igualdade de condicións.

Beneficia ás empresas privadas de sanidade, nomeadamente as de capital multinacional, que terían acceso directo ós orzamentos do Sergas, que se reducirían proporcionalmente, provocando o lóxico deterioro da sanidade pública.

O desvío por parte dos orzamentos do Sergas ós centros privados con ánimo de lucro provocará a descapitalización do sistema público e o deterioro progresivo dos centros sanitarios do Sergas.

Os centros privados teñen agora unha peor relación médico/cama, enfermeiro/cama, persoal total/cama, o que entraña riscos dunha peor calidade na asistencia e coidados.

En vez de mellorar e potencia-la sanidade pública, o Goberno Galego pretende con esta lei desviar diñeiro público ás contas de resultados dos hospitais privados, e utiliza-los orzamentos do Sergas con intención clientelar.

2- Introduce fórmulas que posibilitarían a privatización da Atención Primaria, abrindo a porta a unha reforma similar á levada a cabo no Reino Unido polos gobernos conservadores de Margareth Thatcher, que produciron a exclusión do sistema, na práctica, dos sectores máis marxinados da sociedade (anciáns, enfermos crónicos, enfermos mentáis, etc.)

3- Suprímese a gratuidade da atención ós enfermos crónicos e discapacitados, e permite a privatización do sistema sociosanitario.

O artigo 104.5 do proxecto establece que, co obxecto de optimiza-los recursos, a prestación sociosanitaria, os pacientes crónicos que precisan coidados prolongados, será cofinaciada polos usuarios.

Esta medida dana ós colectivos sociais máis desprotexidos e establece unha discriminación no acceso ós servicios sanitarios en función da capacidade económica das persoas. Facilita a creación dunha rede asistencial sociosanitaria privada e a penetración de capital multinacional no sector sanitario.

4- Crea acertadamente a figura do " Valedor do usuario", pero anúlao na práctica ó ser nomeado e destituido polo Conselleiro, en vez de outorgarlle a independencia necesaria que tería se o nomease o Parlamento.

Este proxecto de lei é socialmente inxusto, crea mecanismos para desviar diñeiro público a empresas privadas con ánimo de lucro, deteriora as condicións laborais do persoal sanitario, abondando na inestabilidade, o que supón un risco importante para a calidade de prestación, e suprime a gratuidade da asistencia ós enfermos crónicos.

A aplicación desta lei nos da solución ós problemas que xa ten o sistema sanitario público, como son a escaseza do funcionamento, as prolongadas listas de espera, o pouco tempo de consulta na atención primaria, as desigualdades asistenciasis entre unhas zonas e outras, a insuficiencia de camas de agudos e especialmente para pacientes con enfermidades crónicas,a infradotación tecnolóxica dalgúns hospitáis, e a persistencia das Fundacións e o Medtec como fórmulas de xestión. Todo isto debuxa un ecenario moi preocupante para a sanidade pública, que afecta á equidade no aproveitamento dun dereito primario, e tamén á calidade técnica do proceso asistencial.