Escoitar

O alcalde apoia as reivindicacións das auxiliares de enfermería do Cunqueiro

Tras unha reunión este martes co colectivo, Abel Caballero denunciou que a Xunta de Galicia lles obriga a facer traballos de limpeza que non lles corresponde e pode significar descoidar as funcións sanitarias que lle son propias. As profesionais "queren manter a calidade asistencial, teñen o meu apoio", concluíu o rexedor.

martes, 15 mai 2018
1526387779enfermeras.JPG
O alcalde recibiu este martes ao colectivo de auxiliares de enfermería do Hospital Álvaro Cunqueiro, que manteñen un conflito co SERGAS porque o ente dependente da Xunta lles obriga a encargarse tamén da recollida da roupa sucia. Despois da entrevista, Caballero trasladou o "enoxo" das profesionais, persoal sanitario cualificado que "non son persoal de limpeza e nunca o foron", e amosoulles o seu respaldo.

Abel Caballero afirmou que esta encomenda da Xunta de Galicia ás auxiliares responde a que "a empresa privada dona do hospital aforra gastos de limpeza e ten máis beneficios, pagado desde o público". O rexedor asegurou que as profesionais "teñen razón" na súa demanda e denunciou que "non se pode seguir tendo un hospital sometido de forma permanente a presións, a circunstancias impropias dun hospital, a facer máis atención ao negocio que a sanidade e a estar continuamente confrontando con colectivos da sanidade", en relación ás auxiliares, aos celadores, ás enfermeiras e persoal médico. "Non lles queda ninguén por confrontar porque son profesionais que queren manter a calidade na súa asistencia, por iso teñen todo o meu apoio".
Descargar todas as imaxes