Escoitar

O Concello licitará as cintas mecánicas de Gran Vía desde María Berdiales ata Venezuela

O Concello de Vigo licitará "de forma inmediata" as obras para instalar cintas mecánicas na Gran Vía, entre a rúa María Berdiales e a rúa Venezuela. Así o anunciou este luns o alcalde de Vigo, quen sinalou que "o proxecto non se toca" e advertiu de que "non permitirá que se perdan os fondos europeos".

luns, 14 mai 2018
1526301896infografiaconjunto.jpg
O alcalde de Vigo avanzou este luns que o Concello iniciará de forma inmediata as obras do proxecto Vigo Vertical -estratexia EDUSI, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea- para instalar cintas mecánicas na Gran Vía. Abel Caballero apuntou que a actuación se centrará entre as rúas María Berdiales e Venezuela.

"De forma inmediata vaise a someter a licitación toda a parte do proxecto de María Berdiales a Venezuela", sinalou o rexedor vigués durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación. Segundo explicou, a Xunta di que ten que haber 20 metros ata os edificios, polo que en primeiro lugar levarase a cabo este tramo e o resto quedará á espera de que se resolva a disparidade de criterios.

"O proxecto non se toca, porque perigan os fondos europeos e non vou a permitir que se perdan, así que o proxecto arranca de forma inmediata, no tempo que tardemos en segregalo e sacalo a licitación", engadiu o alcalde.

Abel Caballero sinalou que a parte técnica do informe de Patrimonio da Xunta que ordena paralizar o proxecto de Gran Vía "non di unha sola palabra sobre parar a obra e non menciona incompatibilidade algunha co contorno". Na súa opinión, rematada a exposición técnica, a conclusión do informe trátase "dunha imposición política do PP contra esta cidade".
Descargar todas as imaxes