Escoitar

O alcalde anima a todos os vigueses a participar no programa de arte urbana "CreaVigo"

O evento celebrarase do 24 ao 26 de maio en distintos espazos da cidade e reúne as artes plásticas, a ilustración, a música e a danza contemporáneas

luns, 14 mai 2018
1526301330LRG_DSC01983.jpg
A arte urbana tomará as rúas de Vigo do 24 ao 26 de maio coa celebración de "CreaVigo", un programa de creación artística en directo que reúne as artes plásticas, a ilustración, a música e a danza. "A creación de cultura urbana en espazos públicos de Vigo é unha realidade co programa de medianeiras e este evento é un paso máis co que se busca a interacción da cidadanía", explicou Abel Caballero esta mañá na presentación do proxecto, na que estivo acompañado pola tenente de alcalde e presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e varios dos artistas participantes.

O evento terá como "escenarios" a Praza de Compostela, a rúa do Príncipe, a Praza da Princesa e a Porta do Sol e contará coa participación de estudantes de varios centros da cidade, a Fundación Igualarte e a Escola de Artes e Oficios.


Paula Cabaleiro, coordinadora de "CreaVigo", agradeceu ao Concello a súa aposta pola cultura urbana e destacou que o obxectivo deste evento é "democratizar a cultura contemporánea levándoa á rúa e, deste xeito, facer cidade".

Entre as oito actividades do programa, destacou o espectáculo de percusión e coreografía Trópico de Grelos, o xoves 24, "que arrastrará ao público do Sireno ata Urzáiz cunha música adictiva", asegurou a coordinadora.


Para os máis pequenos, Cabaleiro recomendou o sábado 26 a actuación da compañía Traspediante, un espectáculo de danza-circo "que inclúe acrobacias e funambulismo".
Isabell Seide, pola súa banda, ofrecerá tamén o sábado pola mañá un taller de ilustración pola zona vella da cidade. "Propoño debuxar na rúa e mostrar os distintos puntos de vista que cada un pode ter dun mesmo espazo", describiu.


A escultura chegará da man de Román Corbato, que creará unha peza na Praza de Compostela en colaboración coa Escola de Artes e Oficios. "A idea é que a xente a percorra e interactúe con ela", asegurou o artista. "Traballar no espazo público é un reto e unha responsabilidade", concluíu.
Descargar todas as imaxes

Máis información