Escoitar

O goberno de Vigo mellorará os accesos aos institutos Rosais 2 e República de Uruguai

A obra, explicou Caballero, é competencia da Xunta de Galicia e "negouse a facelo" polo que o Concello adicará case medio millón de euros ao efecto. Emprazados ambos centros na rúa Coutadas, en Teis, o goberno vigués habilitará espazos de aparcamento e de manobra dos autobuses.

luns, 14 mai 2018
Para facer fronte á mellora na que investirá case medio millón de euros, o goberno de Vigo tivo que solicitar á Xunta de Galicia a cesión dun solo que, unha vez concluidas as obras, deberá devolver á administración autonómica. "A ese nivel estamos a chegar", censurou Caballero, quen asegurou que o Concello non vai deixar desatendidos aos estudantes e veciños de Teis.

Os traballos permitirán solventar os problemas de manobrabilidade que teñen actualmente os autocares escolares no acceso aos institutos. O Concello habilitará espazos para estacionar e para manobrar, entre outras melloras.

Campos de fútbol
O goberno de Vigo deu luz verde aos proxectos de renovación do céspede e instalacións dos campos de fútbol de Navia, Meixoeiro e Sárdoma, en virtude do convenio suscrito coa Deputación de Pontevedra que preside a tenente de alcalde viguesa, Carmela Silva.

Informou Caballero que en Navia o orzamento supera os 300.000 euros para renovar o céspede, o caucho e o alumeado, ademais de acometer melloras no depósito e canalización das augas. No Meixoeiro tamén renovarase céspede, caucho e alumeado e instalarase unha nova caldeira de biomasa por máis de 350.000 euros, as mesmas melloras proxectadas para o campo das Relfas, en Sárdoma, que conta cun orzamento de 370.000 euros. Nos tres casos, o prazo estimado de execución das obras é de dous meses.

O convenio asinado entre o Concello e a Deputación inclúe remodelacións tamén nos campos de Bouzas, A Guía, A Bouza, Candeán, Comesaña, a Mina e Samil, cun importe total próximo aos tres millóns de euros.

Abel Caballero recordou que o goberno de Vigo ten en marcha un novo pavillón deportivo na rúa Romil por case 2,2 millóns de euros, a renovación integral dos espazos polideportivos baixo a bancada de Río, en Balaídos, por máis de 1,1 millóns de euros, a construcción dun novo pavillón en Quirós por 3 millóns de euros e outro en Matamá, pendente de autorización de Patrimonio da Xunta de Galicia, que o ten metido "nun caixón", segundo denunciou o rexedor vigués.