Escoitar

Caballero tacha os orzamentos de Estado para Vigo como "insuficientes e decepcionantes" para a cidade

O alcalde de Vigo destaca que exclúen, entre outros, o AVE Vigo-Madrid por Cerdedo, a autovía Vigo-Porriño, a biblioteca do Estado e a conexión da avenida de Buenos Aires co centro da cidade.

xoves, 5 abr 2018
Abel Caballero mostrouse esta mañá "decepcionado" polos orzamentos do Estado para Vigo xa que, anunciou, son "manifestamente insuficientes" debido a que faltan algúns dos temas máis importantes para a cidade. Deste xeito, o alcalde criticou que segue "completamente abandonado" o proxecto da alta velocidade Vigo-Madrid por Cerdedo. "Desde hai dez anos hai unha partida dun millón de euros que non se executa nunca porque o goberno de España, polas presións de Feijóo, non quere facer a declaración de impacto ambiental e quere que a viaxe sexa por Santiago", afirmou. "Os investimentos para o Ave a Galicia non son a toda Galicia senón a unha soa parte de ela", advertiu. "A cidade máis importante de Galicia non está incluída nelas e, non só iso, en pleno século XXI afúndesenos a vía do tren durante quince días. Ese é o servizo ferroviario que Feijóo ofrece a Vigo", engadiu o alcalde.

Por outra banda, o rexedor referiuse ao anuncio do novo tramo da autovía de Vigo a Porriño "que tampouco aparece no orzamento". "Debería de estar nos textos literais do orzamento, dicindo que se vai a facer con participación público-privada, e non aparece ningunha referencia porque foi unha improvisación".

A biblioteca do Estado en Vigo, "que tamén anunciaron aos catro ventos", tampouco está nos orzamentos, indicou Caballero. "Enganáronnos outra vez Rueda e Feijóo; eu xa fixen oficialmente a proposta de terreos e a partida orzamentaria é cero".

O alcalde citou ademais que tampouco aparecen os 300.000 euros que lles pediron para o museo MARCO. "O Partido Popular de Vigo pode falar o que queira do museo, pero os que retiraron as partidas orzamentarias foron o Goberno de España e a Xunta de Galicia", indicou.

Por último, Caballero lamenta que tampouco apareza no documento "ningunha actuación do Ministerio de Fomento para a avenida de Bos Aires. Nin sequera para a conexión da avenida co centro da cidade de Vigo".