Escoitar

O Concello dedica 178.000 euros á contratación durante 1 ano de trece mulleres vítimas de violencia de xénero

O alcalde deu conta do avance do proceso administrativo que permitirá contratar a trece mulleres vítimas de violencia de xénero para desenvolver durante un ano labores administrativas e de conserxería en dependencias municipais. Este programa de inserción laboral está dotado con 178.000 euros.

venres, 2 mar 2018
A Xunta de Goberno deu luz verde á convocatoria dos postos de traballo e ao nomeamento dos membros da comisión de selección das beneficiarias do Programa de inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero do Concello de Vigo. Tratase, apuntou o rexedor, dunha iniciativa da maior importancia que ten a finalidade de apoiar a estas mulleres, proporcionarlles un ingreso, darlles independencia económica e permitir a súa reintegración no mercado laboral". Son 13 contratos de auxiliares de administración e subalternos cunha duración de 1 ano e os requisitos pasar por ter máis de 16 anos e capacidade legal para ser contratadas, ademais de contar con expediente aberto no Centro Municipal de Información á Muller. As aspirantes deben estar empadroadas e inscritas nalgunha das oficinas do Servizo Público de Galicia de Emprego en Vigo e ter residencia efectiva na cidade con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2016.

Continuando co apoio ás vítimas de violencia machista, o goberno local deu luz verde tamén a un dos convenios de colaboración que o Concello ten coa Rede de mulleres veciñais contra os malos tratos. Nesta ocasión, o importe do acordo é de 30.300 euros para financiar o seu programa de actividades durante o ano 2018.

Mocidade
A Xunta de Goberno aprobou, asi mesmo, a proposta de adxudicación da contratación do servizo de avaliación das accións formativas do proxecto "Vigo polo emprego da mocidade", dotado con 400.000 euros e cofinanciado con Fondos Feder. Serán catro as empresas que formarán a 165 mozos e mozas menores de 30 anos en materias como cociña, programación de páxinas web, creación e xestión de Pemes, inglés, igualdade ou informática. De xeito paralelo, deuse luz verde ao expediente de contratación por procedemento aberto da segunda fase deste programa. Nesta ocasión, o importe é de 60.000 euros para que 15 alumnos se formen en xestión administrativa.